lunes, 13 de octubre de 2025

Biblioteca ao aire libro


Este mes de outubro, a nosa biblioteca énchese de vida, de palabras e de historias. Queremos celebrar dúas datas moi especiais: o Día das Mulleres Escritoras (13 de outubro) e o Día das Bibliotecas (24 de outubro). Dúas ocasións perfectas para abrir as portas, os libros e a mente… ao aire libre!


Baixo o lema “Biblioteca ao aire libro”, queremos sacar os libros fóra das paredes, deixar que respiren, e convidar a toda a comunidade educativa a redescubrir o pracer de ler e de escoitar voces femininas que nos emocionan e nos fan pensar.


 

viernes, 10 de octubre de 2025

Bibliotecas creativas

 A biblioteca comeza de novo co programa Coser e cantar. O alumnado que o desexe poderá acompañarnos na FíOTECA, un espazo para crear, reciclar  e coser.




                    Esperámosvos os luns nos recreos!

miércoles, 1 de octubre de 2025

O Noso PDI

 Un ano máis, a nosa biblioteca escolar convértese no corazón do saber compartido. Este curso iniciamos unha nova viaxe de aprendizaxe arredor dun tema que nos toca moi de preto: os montes e o seu coidado. Baixo o lema Coidamos os montes, sementamos futuro, queremos reflexionar sobre a importancia dos ecosistemas forestais, a súa biodiversidade e o papel que cada un de nós pode xogar na súa protección.

Os montes son fonte de vida, de cultura, de sustento e de beleza. A través deste proxecto documental integrado, o alumnado investigará sobre:

  • A flora e fauna autóctonas.

  • Os incendios forestais e as súas consecuencias.

  • O aproveitamento sostible dos recursos do monte.

  • As tradicións e lendas vencelladas á natureza galega.

  • As accións cotiás que podemos levar a cabo para sementar un futuro máis verde.

Desde a biblioteca iremos ofrecendo recursos, exposicións, lecturas recomendadas, actividades de investigación e encontros con persoas que traballan a prol da conservación dos nosos montes.

Convidamos a toda a comunidade educativa a participar activamente, a compartir ideas, lecturas, imaxes e experiencias que nos axuden a coidar o que é de todos. Porque cada semente de coñecemento que plantamos hoxe é unha árbore de esperanza para o mañá.


martes, 30 de septiembre de 2025

Comezan novas aventuras!

                                      A biblioteca do Ruxidoiro xa está de volta!

Neste mes de setembro estamos organizando e poñendo a punto este espazo. Este curso, imos facer unha redistribución dos espazos así que abriremos a biblioteca máis tarde do habitual. Como a biblioteca non estará á disposición dos usuarios, será a biblioteca a que se mova ás aulas a  través da BIBLIOTECA MÓBIL. Cunha selección de libros, contos, cómics e revistas, serán nas aulas os propios usuarios os encargados de facer os empréstitos e as devolucións.

Para a redistribución da biblioteca precisamos de moita axuda e quen mellor que o propio alumnado de 6º, os usuarios que logo gozarán desas lecturas nesta fantástica biblioteca!



lunes, 23 de junio de 2025

Lecturas de verán

 Agora que rematou o curso, o equipo de biblioteca déixavos as recomendacións de lecturas para os tempos de lecer deste verán. Premede na imaxe para descubrir novas aventuras!



Despedida d@s axudantes

 A piques de rematar  o curso chega o momento de despedir aos nosos axudantes. Agradecer toda a labor que fixo este grupo de nenos e nenas ao longo de todo o curso, que foi moito!

Empréstitos, devolucóns, recomendacións de lecturas, preparación dos espazos para os obradoiros, creación de cartaces, decoración de días especiais, obradoiros de experimentos en infantil co club de ciencia, colocación de libros nos andeis... e un sinfín de actividades máis.

O último día despedímolos cunha pequena festa, uns agasallos e un diploma da súa labor.

Botaremos de menos o seu entusiasmo e a súa implicación. Moitas grazas!




domingo, 22 de junio de 2025

María Besteiros visita o RuxiClub

 

O pasado martes 10 de xuño tivemos unha xuntanza no Club de Lectura de Adultos coa visita da autora do libro que estamos a ler, "Ítaca" de María Besteiros.

Falamos da novela, de libros e da vida. A novela trata un tema durísimo para calquer persoa como é a morte dun fillo.

Narrado dun xeito sensible e natural, de xeito case poético, María contounos as súa viviencia persoal e que o que pretendía escribindo a novela era dar visibilidade a perda nun bebé.

Como mostra de agracemento a María, quixemos agasallala cun pequeno detalle agardando que se sentise a gusto e cómoda entre nós.



Moitas grazas María por acompañarnos! Volve cando queiras!