jueves, 23 de diciembre de 2021

Agradecementos no Ruxi Club

 Rematamos o trimestre cun pequeno agasallo aos participantes do Club de Lectura.

Agardamos cervos no Ruxi Club á volta das vacacións ⛄🤗

Bo Nadal! Felices festas!

Felices lecturas compartidas no 2022!🎉



viernes, 3 de diciembre de 2021

5ª Reunión do Ruxiclub

 O Ruxiclub de lectura reuniuse de novo! 

Está a gustar moito o libro:  El Club de los Raros

             

jueves, 2 de diciembre de 2021

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

                                                       

A Biblioteca do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro súmase este 3 de decembro á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a resolución 47/3.

A discapacidade forma parte da condición humana xa que, todos e todas, nalgún momento das nosas vidas, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente, desde a sociedade temos que dar reposta para facernos a vida máis fácil. Por iso, desde a biblioteca propoñemos unha serie de suxestións de LECTURA FÁCIL porque queremos facer accesible a todos e todas a fantasía, a ilusión, a imaxinación, a creatividade, o coñecemento... lecturas diversas para xente diversa!
                                            Lemos xunt@s?


lunes, 22 de noviembre de 2021

25N- Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e as nenas

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e as nenas.
Os axudantes da biblioteca seleccionaron algunhas lecturas para todas as idades.

viernes, 29 de octubre de 2021

Club de lectura de 6º

 Xa comezamos o noso club de lectura

Temos máis participantes do esperado así que faremos grupiños. O noso primeiro libro foi Ás de mosca para Anxo de Fina Casalderrey. Encantounos!!

Entre todos e todas as participantes decidimos a nosa próxima lectura: El Club de los raros de Jordi Sierra i Fabra. Escollémolo porque este libro está adaptado ao sistema de Lectura Fácil: un modo de facer a lectura accesible a disferentes tipos de necesidades.

A historia vai sobre Hugo que é tatabexo e o seu amigo, Bernardo, que é disléxico. Os dous amigos deciden formar un club para defenderse dos que fan mofa deles. Pouco a pouco, van chegando máis compañeiros e compañeiras a este club. Como acabará? Quen se unirá ao club? 

Vémonos no Ruxi Club de lectura!

Que fixemos polo Samaín?

                               


      Queredes pasar un rato arrepiante, terrorífico, horripilante e pavoroso?

Velaí tedes unha escolma de todas as actividades de Samaín que realizamos no cole.

jueves, 28 de octubre de 2021

Actividades do Día das bibliotecas

 O día 24 de outubro celébrase o DÍA DAS BIBLIOTECAS. Este ano caeu a domingo pero na biblioteca do CEIP Plurinlingüe “O Ruxidoiro” celebrámolo toda a semana.

Para iso, todo o alumnado do colexio fixo unha visita guiada pola nosa nova biblioteca, coñecendo as distintas zonas, secións,recursos, actividades e todo o que se pode realizar e disfrutar na biblio. 

Algúns cursos aproveitaron para ler contos, recitar poemas e incluso os nenos e nenas de 6º A recitaron un poema que elaboraron para esta ocasión.

Establecéronse quendas para que non coincidisen varias clases e así poder seguir o protocolo de seguridade ante o COVID.

Premede abaixo!



domingo, 24 de octubre de 2021

Día das bibliotecas

 O 24 de outubro celebramos o Día das bibliotecas 

Desde 1997 celebramos cada 24 de outubro o Día da Biblioteca. A celebración deste día naceu co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor do persoal bibliotecario, 

Agora ben,  sabedes por que  se celebra este día e non outro?

A verdade é que o obxectivo fundamental é lembrar a nefasta destrución da Biblioteca de Sarajevo durante a guerra dos Balcáns en 1992.

 Antiga Biblioteca Nacional de Sarajevo

A guerra non só destruiu o edificio senón que tamén arrasou cos case 2.000.000 de volumes entre os que se atopaban centos de incunables, arquivos, xornais, etc. que falaban da historia do país desde os tempos do Imperio Otomano. É o que se chama memoricidio, palabra que describe a destrución do acervo cultural dun pobo.

O músico Vedran Smailovi tocou o seu violonchelo entre os escombros da biblioteca.

A Biblioteca Nacional de Sarajevo na actualidade, reconstruída en 2014.

Hoxe é un día perfecto para visitar unha biblioteca, recomendar un libro que estamos lendo, participar nun club de lectura, intercambiar libros ou visitar algunha librería. Como é domingo e as bibliotecas está pechadas, podemos facelo ao longo de toda a semana. 
Podedes visitar a nosa biblio de maneira virtual.

Compartimos unha lectura?
#díadasbibliotecas




martes, 19 de octubre de 2021

UN SAMÁIN DE MEDO!

Xa chegaron, xa están aquí, as actividades de Samaín!

Os equipos de biblioteca, extraescolares e dinamziación da lingua organizan moitas actividades para pasar un Samaín de medo no cole!

- Exposición de caroutas terroríficas no vestíbulo do centro. Podedes traer a vosa creación ata o 25 de outubro.

- Contacontos de 3º e 4º aos  grupos de 1º e 2º. Preparade na aula un conto, unha versión ou adaptación ou creade o voso conto. Unha vez o teñades practicade para facer de contacontos terróríficos o venres 29.

- Conxuros de Samaín. 
Sapos, ratos e pedras, pezuños de canguro, raios, tronos e sombras! Inventa o teu conxuro!
Cando o teñades podedes subir á Ruxi Radio a gravalo. Animádevos!
Aquí vos deixamos un exemplo de conxuro para ser bos en Samaín.



- Concurso de contos terróríficos en galego para o alumnado de 5º e 6º. Podedes presentar os vosos contos antes do 25 de outubro. Haberá sorpresiñas para os finalistas!


Estade atentos e atentas, abride ben os ollos que o venres 29 traeremos unha mostra de todas as actividades arrepiantes que fixemos. 

Que teñades un Samaín terrorífico!
 

lunes, 18 de octubre de 2021

DÍA DAS MULLERES ESCRITORAS

       Hoxe lembramos as mulleres escritoras que nos alegran as nosas lecturas. 


As axudantes da biblioteca realizaron unha selección de contos e libros para a exposición do Día das mulleres escritoras. Cando vaiades á biblio non vos esquezades de coller as súas recomendacións. Velaí tedes unha mostra!


FELIZ DÍA A TODAS AS ESCRITORAS GALEGAS!

miércoles, 29 de septiembre de 2021

 

                         

 Despois dun longo descanso, xa estamos de volta                

                                 con moitas novidades!

A nosa biblioteca recobra vida pois abrirá as súas portas para todo o alumnado e as familias.

Os nenos e nenas poderán coller e devolver libros durante a hora de ler, sempre por grupos burbulla e respectando en todo momento as                                         recomendacións sanitarias. Non queremos que o bichiño se cole na biblio!!

Estes son os horarios para o alumnado:

HORARIO

LUNS

MARTES

MÉRCORES

XOVES

VENRES

11:45- 12:05

4ºA

4ºB

5ºA

5ºB

CLUB DE LECTURA

6ºA e 6ºB

12:05-12:25

2ºA

2ºB

3ºA

3ºB

 

Todos os grupos teñen horas para acudir á biblioteca a ler, realizar actividades de animación á lectura e realizar devolucións e empréstitos.


      

Temos máis novidades: as familias poderán ir a biblioteca a coller libros ou realizar devolucións, sempre con cita previa, no seguinte horario:     


LUNS

XOVES

15:30-17:30

15:30-17:30

 Para solicitar a cita tedes que poñervos en contacto co equipo de biblioteca no seguinte enderezo: bibliotecaruxidoiro@gmail.com

Agradecemos que nos indiquedes no correo nome e apelidos, nome, curso e grupo do voso fillo/a e se queredes algún libro en concreto para que podamos comprobar con antelación se o temos ou se está dispoñible.

O equipo de biblioteca contestará ao voso correo indicando a hora na que podedes vir. Pregamos puntualidade pois só disporedes de 15 minutos para a vosa cita.

Para que vos vaiades animando, aquí vos deixamos algunhas novidades:



ALGÚNS DE ADULTO

lunes, 21 de junio de 2021

Recomedacións lectoras

Despois dun curso diferente, complicado para todos e todas, non hai mellor maneira de rematalo que lendo. O equipo de biblioteca deixa as súas recomendacións para este verán. Volveremos o vindeiro curso con moitas ganas de retomar a actividade da bibioteca ao 100%.

Felices lecturas estivais!


              

viernes, 18 de junio de 2021

Contacontos con Anxo Moure

 O venres 18 de xuño, todo o alumnado do centro participou nas sesións de contacontos ofrecidas por Anxo Moure. 

Anxo Moure Mosquera é un escritor, contacontos e ecopacifista galego, coñecido polas súas actividades cómicas e educativas transmitindo o coidado da natureza.​​​




As nenas e os nenos disfrutaron co conto "O Nubinete e o paraugas Dameaugas"




martes, 8 de junio de 2021

Booktubeiros de 6ºB

O alumnado de sexto iniciouse no mundo dos "booktubeiros". Despois de ler dous libros decidiron facer as recomendacións dunha maneira diferente. Queredes velas?

Recoméndanos estes dous libros:

        



 
O Nicolasiño

A señorita Bubble

lunes, 31 de mayo de 2021

Podcast de 4ºB

 Os nenos e as nenas de 4º de Educación Primaria B, fixeron un podcast con motivo do Día das Letras Galegas.

Premede na primeira imaxe para escoitar o seu primeiro pocast sobre a homenaxeada das Letras Galegas 2021, Xela Arias.

  


viernes, 14 de mayo de 2021

Espazo Ruxi Radio

 As nenas e os nenos de 6º e 5º  de Ed. Infantil coñeceron o espazo que se dedicará a RUXI RADIO


A visita á Ruxi Radio foi unha experiencia moi enriquecedora. As nenas e os nenos están desexando volver e participar.







lunes, 26 de abril de 2021

Gañador@s do concurso de marcapáxinas

                             Xa temos aos gañador@s do concurso de marcapáxinas!

Tivémolo moi difícil pola calidade dos marcapáxinas presentados. GRAZAS a todos e todas por participar!


GRAZAS tamén ás gañadoras: 

                        Emma, Álvaro, Mara, Laura, Clarisa, Eva  e Patricia

  

DÍA DO LIBRO 2021

 

Celebrando o DÍA DO LIBRO