viernes, 9 de octubre de 2026

Biblioteca ao aire libro

Con motivo do Día das Bibliotecas e do Día das Mulleres Escritoras, a nosa biblioteca escolar sae ao encontro das familias para compartir unha experiencia moi especial: unha lectura ao aire libre, na que as palabras, as historias e os afectos se converten en protagonistas.
As familias len aos nenos e nenas de infantil e 2º, os nenos e nenas de 3º a 6º tamén se converten en lectores e lectoras para compartir cos maiores o pracer da lectura. Un encontro interxeracional no que os contos, as lembranzas e as voces de cada xeración nos axudan a recuperar a nosa tradición oral galega: historias transmitidas de boca en boca, lendas, cantigas, refráns e contos que forman parte das nosas raíces culturais.



Esta actividade enlaza co noso PDI Raíces, porque cada historia compartida é unha maneira de manter viva a memoria, coñecer a nosa identidade e transmitir ás novas xeracións o legado cultural que nos une.

Ao mesmo tempo, celebramos as mulleres escritoras, recoñecendo o valor das súas voces e a súa contribución á literatura e á construción dunha sociedade máis igualitaria.

Porque as raíces tamén medran a través das palabras, os libros convértense en pontes entre o pasado e o futuro, entre as familias e a escola, entre quen conta unha historia e quen a recibe.

Seguimos compartindo e sementando historias para que nunca deixen de medrar!

Palabras que nos unen, lecturas que botan raíces.


 

viernes, 2 de octubre de 2026

Que bigotes me pasa?

 Que bigotes me pasa?

Emocións que brillan con luz propia!



Que sentimos hoxe? Alegría, tristeza, medo, calma, enfado…? Ás veces resulta difícil poñerlle palabras ao que nos pasa por dentro, pero a arte e os contos poden axudarnos a expresalo.

A partir do libro Que bigotes me pasa?, os DEVORALIBROS de 1º realizaron unha actividade moi especial na que as emocións e a luz ultravioleta foron as protagonistas. 

Despois de achegarse á historia, cada neno e nena debuxou o protagonista do conto representando a emoción coa que se identificaba nese momento. Coa axuda da luz ultravioleta, as creacións adquiriron un brillo sorprendente, convertendo os nosos sentimentos nunha experiencia chea de cor, curiosidade e creatividade.

Unha proposta para recoñecer, expresar e compartir as emocións, ao tempo que descubriron novas posibilidades da luz e experimentaron coa ciencia a través da arte.

Porque todas as emocións teñen o seu lugar e cada persoa ten unha maneira única de expresalas.

viernes, 18 de septiembre de 2026

Comezamos un novo curso… medramos coas nosas raíces!

 

A biblioteca escolar abre as súas portas a un novo curso cheo de ilusións, descubrimentos e historias por compartir. Este ano, todo o centro embarcarase nunha aventura moi especial: o proxecto documental integrado Raíces.

Quen somos?   De onde vimos?   Cara onde imos?

Estas tres preguntas guiarán as nosas investigacións para descubrir a historia das nosas familias, os xogos de antes, as lendas, as cantigas, os oficios tradicionais e a transformación da nosa paisaxe.

A través dos libros, das entrevistas e dos encontros cos avós, avoas e outras persoas da contorna, aprenderemos a valorar a nosa cultura e o patrimonio galego.

Tamén nos acompañará a maleta das raíces, que viaxará polas familias recollendo fotografías, obxectos e recordos cheos de historia. E, pouco a pouco, construiremos na biblioteca a nosa Árbore das Raíces, símbolo de todo o que aprenderemos e crearemos xuntos.

 Queremos que este proxecto sexa unha aventura compartida por alumnado, profesorado, familias e comunidade. Porque cada persoa ten algo que contar e cada historia pode axudarnos a medrar.

Benvidas e benvidos a un novo curso na biblioteca escolar!

Raíces: coñecer o pasado para construír o futuro.

Comeza o Club de Ciencias: As raíces da vida

 

Este curso 2026/2027, a biblioteca escolar pon en marcha o Club de Ciencias, cunha aventura científica vinculada ao PDI «Raíces».

A través da observación, da experimentación e da investigación, descubriremos os segredos das plantas, do corpo humano, dos microorganismos, dos ecosistemas e do ADN.

Que precisa a vida para medrar? 

Como podemos coidar a nosa saúde? 

Que podemos facer para protexer a natureza?

Estas preguntas guiarán as nosas experiencias e converterán o alumnado de Infantil e Primaria en pequenos investigadores e investigadoras, con moitas ganas de explorar, descubrir e compartir os seus achados.

Preparade as lupas, a curiosidade e as ganas de experimentar! 

Comeza unha nova aventura na que a ciencia tamén ten as súas raíces.

Benvidos e benvidas ao Club de Ciencias! 

domingo, 14 de junio de 2026

Ruxidores en acción!

Como actividade de fin de curso, o alumnado de 3° e 5° do noso centro participou en dúas interesantes xornadas dedicadas ao mundo da radio. 
Durante estas sesións, aprenderon a crear e gravar cuñas publicitarias, elaboraron noticias improvisadas e descubriron de maneira práctica como se prepara e realiza un programa radiofónico.
Un dos momentos máis destacados foi a entrevista a Fernando Rodríguez, xornalista e locutor de SiRadio Ourense, quen compartiu coa rapazada a súa experiencia nos medios de comunicación e respondeu ás súas preguntas con gran proximidade.


Dúas xornadas moi enriquecedoras nas que afrontaron o reto de informar en directo e desenvolvendo habilidades como a improvisación, a escoita activa e a confianza á hora de falar en público.

martes, 9 de junio de 2026

Devorando novos libros!

 No Club de lectura Os Devoralibros, o alumnado de 2º de Primaria quere compartir unha recomendación lectora que nos gustou moito: O bigote de Mimí, de Manuel María.

Esta divertida historia atrapounos desde o principio e fixo que pasásemos momentos moi entretidos. Gustáronnos os seus personaxes e a forma tan especial de contar a historia. Ademais, a lectura permitiunos aprender que "os bigotes" non nos definen, o importante é o que gardamos no noso interior.

Recomendamos este libro porque é divertido, ameno e moi agradable de ler. Animámosvos a descubrilo e a acompañar a Mimí nesta aventura.


Seguimos lendo, compartindo e desfrutando no noso club de lectura… porque os Devoralibros nunca deixan de devorar historias!

domingo, 7 de junio de 2026

NA FIOTECA tamén reciclamos!

 Na FIOTECA aprendemos a importancia de reutilizar materiais e darlles unha segunda vida. Durante a actividade traballamos coa reciclaxe de diferentes teas para convertelas en obxectos útiles e orixinais.

Unha das tarefas que máis nos gustou foi transformar pantalóns vaqueiros vellos en bolsos. Descubrimos que unha peza de roupa que xa non usamos pode converterse nun accesorio práctico e diferente. Ademais de aprender técnicas básicas de costura e creación, tamén reflexionamos sobre a importancia de reducir residuos e coidar o medio ambiente.

Ademais, tamén elaboramos chaveiros de pompóns feitos con la para colgar dos bolsos, dándolles un toque persoal e moi colorido.

Foi unha experiencia divertida e enriquecedora na que puxemos en práctica a nosa creatividade, o traballo en equipo e o compromiso cun consumo máis responsable. ¡Encantounos ver como algo vello pode converterse en algo novo!