BIBLIOTECA DO CEIP "O Ruxidoiro"
domingo, 14 de junio de 2026
Ruxidores en acción!
martes, 9 de junio de 2026
Devorando novos libros!
No Club de lectura Os Devoralibros, o alumnado de 2º de Primaria quere compartir unha recomendación lectora que nos gustou moito: O bigote de Mimí, de Manuel María.
Esta divertida historia atrapounos desde o principio e fixo que pasásemos momentos moi entretidos. Gustáronnos os seus personaxes e a forma tan especial de contar a historia. Ademais, a lectura permitiunos aprender que "os bigotes" non nos definen, o importante é o que gardamos no noso interior.
Recomendamos este libro porque é divertido, ameno e moi agradable de ler. Animámosvos a descubrilo e a acompañar a Mimí nesta aventura.
domingo, 7 de junio de 2026
NA FIOTECA tamén reciclamos!
Na FIOTECA aprendemos a importancia de reutilizar materiais e darlles unha segunda vida. Durante a actividade traballamos coa reciclaxe de diferentes teas para convertelas en obxectos útiles e orixinais.
Unha das tarefas que máis nos gustou foi transformar pantalóns vaqueiros vellos en bolsos. Descubrimos que unha peza de roupa que xa non usamos pode converterse nun accesorio práctico e diferente. Ademais de aprender técnicas básicas de costura e creación, tamén reflexionamos sobre a importancia de reducir residuos e coidar o medio ambiente.
Ademais, tamén elaboramos chaveiros de pompóns feitos con la para colgar dos bolsos, dándolles un toque persoal e moi colorido.
Lumiñas e o monte dos Castros
O noso alumnado de 2º de Educación Primaria converteuse en cineasta por uns días. No marco do Proxecto Documental Integrado (PDI) da biblioteca deste ano, titulado "Coidamos dos montes, sementamos futuro", as nenas e nenos crearon unha curtametraxe de animación desde cero.
sábado, 6 de junio de 2026
Roteiro Literario por Rebordechao
O pasado sábado 23 de maio o Club de Lectura de Adultos fixemos unha visita a Rebordechao, lugar onde transcorre a novela de Pedro Feijoo "Onde nacen as bestas".
Alí contamos coa axuda de Jesús, un veciño de Rebordechao que nos fixo de guía pola aldea e nos levou de ruta literaria ata o Pozo dos Mouros, moitas grazas Jesús!
Pasamos un día moi agradable falando de lecturas e do autor, que para escribir a novela trasladouse a vivir ata a aldea de Rebordechao e foi un veciño máis durante unha tempada.
Unha visita moi recomendable pola zona, con paisaxes e vistas da Serra de San Mamede marabillosas e, sobre todo, polo trato recibido polos veciños do lugar, destacando e agradecendo a Pili e a Bernard que nos acolleron na súa casa e nos agasallaron cun exelente ágape.
Rematamos "El Club de los raros" co grupo 1
O pasado venres tivemos unha xuntanza co Grupo 1, neste caso a rapazada escollera o libro de Jordi Sierra i Fabra "El club de los raros". Como pasou un tempiño dende a última xuntanza, tivemos tempo de ler todo o libro.
A opinión da maioría do grupo foi que a lectura gustou bastante e que en realidade calquera de nós podería formar parte dese club xa que todos e todas temos alguhna rareza.
Falamos das "rarezas" de cada un/unha, da amizade, do compañeirismo e de a colaboración e a axuda entre nós.
Non escolleron unha nova lectura xa que está preto o final de curso e non daría tempo de rematar o libro, co cal damos por rematado o Club de Lectura co Grupo 1, aínda que queda pendente unha última xuntanza co Grupo 2 para despedirnos como debe ser, cunha pequena celebración.
Coas mans na pasta!
O alumnado de Infantil participou nun divertido e interesante obradoiro de elaboración de papel, no que puideron descubrir de primeira man como se crea este material que usamos cada día.
Ao longo da actividade, aprenderon os diferentes pasos do proceso: desde a preparación da pasta de papel ata a formación das follas. Ademais de observar e experimentar, tiveron a oportunidade de participar activamente e converterse en auténticos artesáns e artesás do papel.
Para rematar esta experiencia tan especial, cada neno e nena elaborou unha preciosa medalla personalizada co seu nome, un recordo único do traballo realizado e da aprendizaxe compartida.
Foi unha xornada chea de curiosidade, descubrimentos e moita ilusión, na que aprenderon facendo e gozaron dunha experiencia moi enriquecedora.
















