As ÁRBORES DA PAZ medran no noso cole
Hai persoas que plantan sementes… e hai persoas que plantan esperanza.
Unha delas foi Wangari Maathai.
Wangari naceu en Kenia e aprendeu desde pequena que as árbores falan, aínda que non teñan voz. Contan historias de auga limpa, de animais, de sombra e de vida. Por iso decidiu plantar árbores para coidar a Terra e tamén ás persoas.
Ela dicía que cando plantamos unha árbore, estamos a plantar paz. Para Wangari Maathai, as árbores eran moito máis ca plantas: eran unha ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas e fomentar a paz. Polo seu compromiso co medio ambiente e coa xustiza social, recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2004. (primeira muller africana en recibilo).
E así comezou un gran movemento no que miles de mulleres en precaria situación económica uniron as súas mans para encher o mundo de verde.
No noso colexio tamén queremos escoitar ás árbores. Coa creación da Fraga da Diversidade, cada árbore representa un valor: o respecto, a amizade, a igualdade, a convivencia e o amor pola natureza.
Cada vez que regamos, coidamos e observamos a nosa fraga, lembramos que o futuro medra pouco a pouco… igual ca unha árbore, promovendo valores como o respecto pola natureza, a convivencia, a igualdade e a responsabilidade ambiental.
Este proxecto axúdanos a comprender que o coidado do medio ambiente é unha tarefa compartida e que, a través de accións sinxelas como plantar unha árbore, podemos contribuír a un mundo mellor.

