domingo, 9 de febrero de 2025

Obradoiro de cociña con Escarlatina

 O pasado venres tivemos unha nova xuntanza no Club de Lectura, neste caso co Grupo 2.

Nesta ocasión a xuntanza fixémola no comedor do colexio xa que tiñamos previsto facer un taller de cociña coas receitas que aparecen no libro.

Antes de facer o taller falamos un pouco da novela, a rapazada trouxo rematado o libro de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta", e comentou que lles resultou divertido, entretido e intrigante, tamén houbo que confesou que lle dera cun chiquiño de noxo e mesmo medo.

Logo de falar da lectura pasamos a elaboración dalgunhas receitas que saen no libro. As sobremesas que fixemos foron adaptadas ao tempo co que contábamos xa que o obxectivo era, ao rematar, facer unha degustación das receitas elaboradas.


O día da xuntaza coincidiu co aniversario de dúas alumnas que forman parte do Club de Lectura, co gallo da lectura do libro e da elaboración das sobremesas, aproveitamos para  celebrar o aniversario das nenas.

E como tivemos tempo para todo... tamén escollemos a próxima lectura...

Será: "Altas Aspiraciones" de Charlie Feelwood.


Rematamos "El misterio de los huevos de oro"

 O pasado venres 31 de xaneiro tivemos unha nova xuntanza co Grupo 1 do Club de Lectura. Nesta ocasión a rapazada escollera a lectura de Luisa Villar Liébana, "El misterio de los huevos de oro", un libro recomendado para público de idades comprendidas entre 6 e 8 anos polo que as rapazas do Club de Lectura (de 6º de EP) non lles gustou moito xa que o consideraron moi infantil e resultóulles curto e sinxelo. Aínda así si que o recomendan para os compañeiros de 3º e 4 º de EP.

Logo de comentar o libro "El misterio de los huevos de oro", as alumnas escolleron a próxima lectura... que seguindo as indicacións do outro grupo do Club de Lectura, decidironse pola novela de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta".





lunes, 3 de febrero de 2025

Cita a cegas con...

                             CITA A CEGAS CUN LIBRO!

A nosa biblioteca está chea de AMOR, moito amor polos libros. @s axudantes xa están  preparando os libros sorpresa para que a vosa cita a cegas co libro sexa un éxito!

Están a escoller os libros e deixándovos unha pequena reseña, sen desvelar a trama da historia para que a sorpresa sexa maior

Grazas aos axudantes da biblio polo seu esforzo e dedicación nos tempos de lecer.

  Que aventuras comezaredes? 
Estades listos e listas para vivir novas aventuras?

Na biblioteca espéranvos grandes sorpresas na semana do
10 ao 14 de febreiro.


domingo, 26 de enero de 2025

Continuamos con "Escarlatina, a cociñeira defunta"

 Este venres tivemos de novo unha xuntaza para falar de libros e de lecturas. Neste caso o Grupo 2 que está a ler o libro de Ledicia Costas "Escarlatina, a cociñeira defunta".

A lectura está a gustar e as personaxes son divertidas. Para a próxima xuntanza traeremos o libro rematado e haberá sorpresas...




miércoles, 22 de enero de 2025

DÍA DA ILUSTRACIÓN

O 30 de xaneiro celebramos o DÍA DA ILUSTRACIÓN, data impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

O alumnado de 4º e 5º tivo a oportunidade de coñecer ao ilustrador e autor de GAZAFELLOS, FON.



Fonso Barreiros é un lustrador nado en Noia en 1980. Matriculouse en 2001 na escola de cómic O Garaxe Hermético, onde consegue o premio de fin de curso pola súa obra "Curuxa, a voz de Azazel"


Outros títulos que vos recomendamos, algúns deles xa os podedes coller na biblioteca!




Ademais tamén realiza varios traballos como ilustrador: publica na revista A viñeta de Schrödinger, dá clases de cómic e é o director de V de viñetas, as xornadas de cómic do Liceo de Noia.


Fonso Barreiro falou dos seus inicios de ilustrador e deunos moitos consellos e algún truquiño para debuxar. A verdade é que pasamos un bo rato tan só cun papel e lapis ademais de deixar a nosa pegada no mundo da ilustración. 

Velaí tedes algunhas das nosas creacións.




Ao rematar o obradoiro algúns compañeiros e compañeiras de 5º subiron á radio acompañados do seu titor, Carlos e fixéronlle unha entrevista na que nos contou en primicia os seus traballos en proxecto. Queredes saber máis? Aquí vos deixamos a ligazón ao noso podcast "Gazafellando con Fon"

domingo, 19 de enero de 2025

Rematamos "Altas aspiraciones"

 O pasado venres houbo unha nova xuntanza co Grupo 1 do Ruxi Club. Durante as vacacións de Nadal a rapazada estivo a ler a novela de Charlie Feelwood, "Altas Aspiraciones".

Como ven sendo habitual, falamos sobre a lectura, sobre as personaxes e sobre a trama... Gustou moito aínda que houbo rapazas ás que se lles fixo unha lectura bastante longa.

Logo de comentar e debatir sobre o libro xogamos ao Pasapalabra e a verdade e que o pasamos moi ben...  


Tamén tivemos un pequeno debate sobre cal será a proxima lectura...

Ás rapazas coincidiron que lles apetecía ler algo lixeiro logo de "Altas Aspiraciones" así que a seguinte libro é "El misterio de los huevos de oro" de Luísa Villar Liébana.




domingo, 12 de enero de 2025

De volta co Ruxiclub!

 O pasado venres tivemos unha nova xuntanza do Ruxi Club, neste caso co Grupo 2 que logo das vacacións de Nadal rematamos o libro de Maite Carranza "¿Quién quiere ser el novio de mi hermana?

Estivemos falando e debatindo sobre a lectura e as personaxes, en xeral é un libro que gustou moito xa que é divertido e co que o alumnado se sinte identificado.


Ao rematar de comentar a lectura estivemos a xogar ao Pasapalabra deste libro. A verdade é que foi das mellores participacións ata o de agora no Ruxi Club xa que a rapazada non fallou ningunha pregunta. Son unhas campionas!

A próxima lectura do Grupo 2 será a novela de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta", agardo que disfrutedes tanto desta lectura como o fixestes da anterior.