viernes, 13 de febrero de 2026

Entrevistando á Intelixencia Artificial

 Hoxe, 13 de febreiro, celebramos o DÍA MUNDIAL DA RADIO co alumnado de 3º de primaria que se converteu nun auténtico equipo radiofónico para participar na convocatoria de PONTE...NAS ONDAS!


Nesta ocasión, o noso programa de radio escolar abriu os micrófonos para unha entrevista moi particular; a convidada é Ursa, unha intelixencia artificial coa que o alumnado puido conversar, facer preguntas e reflexionar sobre a importancia da IA no doso día a día.

Para que serve a IA? Como funciona? Será Ursa quen de facernos os deberes ou axudaranos a aprender? Ursa pode ter emocións?

A experiencia foi moi enriquecederoa, xa que combinou  o traballo da expresión oral e a escoita activa co uso das novas tecnoloxías e a maxia da radio, un medio que segue a ser unha poderosa ferramenta de comunicación, educación e a participación.

Na Ruxi Radio seguimos aprendendo, preguntando e facendo RADIO!




           

martes, 10 de febrero de 2026

As nenas somos de ciencias!


 Hoxe celebramos a curiosidade, o talento e a valentía de todas as mulleres e nenas que exploran, investigan e transforman o mundo a través da ciencia. Ao longo da historia, moitas científicas contribuíron de maneira decisiva ao progreso da humanidade, aínda que non sempre recibiron o recoñecemento que merecían.

Este día lémbranos a importancia de crear referentes, romper estereotipos e fomentar vocacións científicas dende idades temperás. A ciencia precisa de todas as miradas, de todas as ideas e de todas as voces.

Animemos ás nenas a preguntar, experimentar e soñar sen límites. 

                                                      

lunes, 2 de febrero de 2026

1,2,3... ENTROIDO!

 Co Petardazo en Xinzo de Limia comezamos a troula, chega o ENTROIDO, unha das nosas festas galegas favoritas

Queredes saber que é o entroido? Premede no vídeo para coñecer datos interesantes desta festa tan divertida.


ANDROLLA, CHARRÚA, FILLOAS, MECO, PANTALLA... Imos aprender estas e outras palabras relacionadas coa festa con este completo DICIONARIO ENTROIDEIRO.

Nesta festa non pode faltar unha boa CHARANGA para por a música nos desfiles, na festa, nas rúas... 
Queredes unha CHARANGA Á CARTA? Premede na imaxe e poderedes crear a vosa charanga con música entroideira.

Aí vos deixamos unha presentación para ser expertos no Entroido: actividades, xogos, cantigas, recomendacións lectoras...

viernes, 30 de enero de 2026

A ARTE QUE FALA

 Creando Mensaxes de Paz e Crítica Social

Para conmemorar  o Día da Paz, puxemos en marcha un proxecto colectivo onde o noso alumnado demostra que a arte é unha poderosa ferramenta de crítica social e pacifismo, explorando  varias liñas de traballo:

Simboloxía Urbana: Analizamos a linguaxe de artistas como Banksy, Obey e Jocapi, centrándonos no contraste entre a violencia e a natureza (flores e pombas fronte a obxectos bélicos).

                                   

Mafalda e os Dereitos Humanos: Inspirándonos no humor crítico de Quino, traballamos a conciencia social dando voz aos nosos cativos.    

Banksy: O seu símbolo máis icónico é o Love is in the Air (Flower Thrower). Substitúe un cóctel Molotov por un ramo de flores, transformando un xesto de violencia nun acto de esperanza. Alumnos/as de 5º e 6º EP.

OBEY: "As flores son as nosas armas." Deseñando con cores potentes e  formas xeométricas definidas e unha mensaxe visual directa a prol da paz:"Sementa flores, non bombas." 

Ademais, o alumnado de 3º participou nunha actividade diferente na que  deseñaron e crearon chapas e gravaron mensaxes de paz, compartindo palabras de respecto, amizade e solidaridade. Un pequeno xesto cheo de significado para construír un mundo mellor.



jueves, 15 de enero de 2026

FRAGA DA DIVERSIDADE

 



As ÁRBORES DA PAZ medran no noso cole

Hai persoas que plantan sementes… e hai persoas que plantan esperanza.
Unha delas foi Wangari Maathai.

Wangari naceu en Kenia e aprendeu desde pequena que as árbores falan, aínda que non teñan voz. Contan historias de auga limpa, de animais, de sombra e de vida. Por iso decidiu plantar árbores para coidar a Terra e tamén ás persoas.

Ela dicía que cando plantamos unha árbore, estamos a plantar paz. Para Wangari Maathai, as árbores eran moito máis ca plantas: eran unha ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas e fomentar a paz. Polo seu compromiso co medio ambiente e coa xustiza social, recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2004. (primeira muller africana en recibilo).

E así comezou un gran movemento no que miles de mulleres en precaria situación económica uniron as súas mans para encher o mundo de verde.

O alumnado de 2º conta a historia de Wangari a través do conto "Wangari e as árbores da Paz". Ademais gravaron unha canción tradicional africana para acompañar.


No noso colexio tamén queremos escoitar ás árbores. Coa creación da Fraga da Diversidade, cada árbore representa un valor: o respecto, a amizade, a igualdade, a convivencia e o amor pola natureza.

Cada vez que regamos, coidamos e observamos a nosa fraga, lembramos que o futuro medra pouco a pouco… igual ca unha árbore, promovendo  valores como o respecto pola natureza, a convivencia, a igualdade e a responsabilidade ambiental.

Este proxecto axúdanos a comprender que o coidado do medio ambiente é unha tarefa compartida e que, a través de accións sinxelas como plantar unha árbore, podemos contribuír a un mundo mellor.

miércoles, 14 de enero de 2026

Recomendacións Día da Paz

Na biblioteca preparamos esta recompilación de recursos para traballar o Día da Paz nas aulas e en familia: xogos, curtas, cancións, lecturas... Esperamos que vos gusten!

 

jueves, 8 de enero de 2026

Última xuntanza dos clubs de lectura

 Chegamos ao final do trimestre e tivemos a derradeira xuntanza do 2025. Seguimos coa lectura da novela de Charlie Feelwood, "Altas Aspiraciones". Está gustando moito, aproveitaremos para rematala durante as vacacións de Nadal.


Como co grupo anterior, tivemos a derradeira xuntanza do 2025 co Grupo 2. Nesta ocasión demos por rematada a novela que estabamos a ler, ¿Quién quiere ser e novio de mi hermana? de Maite Carranza.

Xogamos ao Pasapalabra do libro e escollemos a próxima lectura, "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas.