domingo, 14 de junio de 2026
Ruxidores en acción!
martes, 9 de junio de 2026
Devorando novos libros!
No Club de lectura Os Devoralibros, o alumnado de 2º de Primaria quere compartir unha recomendación lectora que nos gustou moito: O bigote de Mimí, de Manuel María.
Esta divertida historia atrapounos desde o principio e fixo que pasásemos momentos moi entretidos. Gustáronnos os seus personaxes e a forma tan especial de contar a historia. Ademais, a lectura permitiunos aprender que "os bigotes" non nos definen, o importante é o que gardamos no noso interior.
Recomendamos este libro porque é divertido, ameno e moi agradable de ler. Animámosvos a descubrilo e a acompañar a Mimí nesta aventura.
domingo, 7 de junio de 2026
NA FIOTECA tamén reciclamos!
Na FIOTECA aprendemos a importancia de reutilizar materiais e darlles unha segunda vida. Durante a actividade traballamos coa reciclaxe de diferentes teas para convertelas en obxectos útiles e orixinais.
Unha das tarefas que máis nos gustou foi transformar pantalóns vaqueiros vellos en bolsos. Descubrimos que unha peza de roupa que xa non usamos pode converterse nun accesorio práctico e diferente. Ademais de aprender técnicas básicas de costura e creación, tamén reflexionamos sobre a importancia de reducir residuos e coidar o medio ambiente.
Ademais, tamén elaboramos chaveiros de pompóns feitos con la para colgar dos bolsos, dándolles un toque persoal e moi colorido.
Lumiñas e o monte dos Castros
O noso alumnado de 2º de Educación Primaria converteuse en cineasta por uns días. No marco do Proxecto Documental Integrado (PDI) da biblioteca deste ano, titulado "Coidamos dos montes, sementamos futuro", as nenas e nenos crearon unha curtametraxe de animación desde cero.
sábado, 6 de junio de 2026
Roteiro Literario por Rebordechao
O pasado sábado 23 de maio o Club de Lectura de Adultos fixemos unha visita a Rebordechao, lugar onde transcorre a novela de Pedro Feijoo "Onde nacen as bestas".
Alí contamos coa axuda de Jesús, un veciño de Rebordechao que nos fixo de guía pola aldea e nos levou de ruta literaria ata o Pozo dos Mouros, moitas grazas Jesús!
Pasamos un día moi agradable falando de lecturas e do autor, que para escribir a novela trasladouse a vivir ata a aldea de Rebordechao e foi un veciño máis durante unha tempada.
Unha visita moi recomendable pola zona, con paisaxes e vistas da Serra de San Mamede marabillosas e, sobre todo, polo trato recibido polos veciños do lugar, destacando e agradecendo a Pili e a Bernard que nos acolleron na súa casa e nos agasallaron cun exelente ágape.
Rematamos "El Club de los raros" co grupo 1
O pasado venres tivemos unha xuntanza co Grupo 1, neste caso a rapazada escollera o libro de Jordi Sierra i Fabra "El club de los raros". Como pasou un tempiño dende a última xuntanza, tivemos tempo de ler todo o libro.
A opinión da maioría do grupo foi que a lectura gustou bastante e que en realidade calquera de nós podería formar parte dese club xa que todos e todas temos alguhna rareza.
Falamos das "rarezas" de cada un/unha, da amizade, do compañeirismo e de a colaboración e a axuda entre nós.
Non escolleron unha nova lectura xa que está preto o final de curso e non daría tempo de rematar o libro, co cal damos por rematado o Club de Lectura co Grupo 1, aínda que queda pendente unha última xuntanza co Grupo 2 para despedirnos como debe ser, cunha pequena celebración.
Coas mans na pasta!
O alumnado de Infantil participou nun divertido e interesante obradoiro de elaboración de papel, no que puideron descubrir de primeira man como se crea este material que usamos cada día.
Ao longo da actividade, aprenderon os diferentes pasos do proceso: desde a preparación da pasta de papel ata a formación das follas. Ademais de observar e experimentar, tiveron a oportunidade de participar activamente e converterse en auténticos artesáns e artesás do papel.
Para rematar esta experiencia tan especial, cada neno e nena elaborou unha preciosa medalla personalizada co seu nome, un recordo único do traballo realizado e da aprendizaxe compartida.
Foi unha xornada chea de curiosidade, descubrimentos e moita ilusión, na que aprenderon facendo e gozaron dunha experiencia moi enriquecedora.
viernes, 5 de junio de 2026
Aínda nada?
Na nosa biblioteca escolar seguimos apostando por proxectos que fomentan a lectura, a creatividade e a inclusión. Nesta ocasión queremos compartir
“Aínda Nada?”, un videoconto elaborado polo alumnado de 4ºA de Educación Infantil, no que os nenos e nenas participaron activamente na narración da historia.
Este traballo combina audio gravado polo alumnado con pictogramas, un recurso visual que facilita a comprensión da mensaxe e favorece a participación de todo o alumnado, especialmente daqueles que precisan apoios na comunicación e na linguaxe. Deste xeito, avanzamos cara a unha escola máis accesible e inclusiva, onde todas as persoas poden gozar da lectura en igualdade de condicións.A través deste proxecto, os nenos e nenas desenvolveron habilidades relacionadas coa expresión oral, a escoita activa, a interpretación de imaxes e o traballo cooperativo.
“Aínda Nada?” é unha proposta que nos invita a cultivar a paciencia, a curiosidade e a capacidade de observación, acompañando aos máis pequenos nunha historia chea de tenrura e descubrimentos.
Convidámosvos a desfrutar deste videoconto e a compartir coa comunidade educativa o valor de iniciativas que unen lectura, tecnoloxía e inclusión.
Porque cada historia pode ser contada de moitas maneiras, e todas elas teñen cabida na nosa biblioteca escolar.
"Atrapacontos" en familia
A biblioteca do centro prepárase para recibir unha actividade moi especial dentro do programa Lectura e Familias. O coñecido narrador e dinamizador da lectura Anxo Moure visitará o noso colexio,
Baixo o título “Atrapacontos”, alumnado e familias terán a oportunidade de gozar dunha experiencia participativa na que os contos viaxan sobre rodas para achegar a lectura dun xeito lúdico e emocionante.
As sesións celebraranse no Anfiteatro da Zona Verde:
- Luns 8 de xuño: alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria.
- Venres 12 de xuño: alumnado de Infantil.
Esta actividade busca fomentar o gusto pola lectura, a creatividade e o encontro arredor dos libros, convertendo cada conto nunha aventura compartida.
Desde a biblioteca animamos ás familias a deixar que Anxo Moure “atrape” a súa atención e a súa imaxinación cunha chea de historias inesquecibles.
lunes, 1 de junio de 2026
Os DEVORALIBROS
O alumnado de 2º participante no club de lectura Os Devoralibros quere compartir con toda a comunidade educativa a súa última lectura: Óscar e o león de correos, unha historia divertida e entrañable que nos achega ao mundo dos medos. Quen non sentiu medo algunha vez?
Durante a lectura o alumnado comentou cales eran os seus personaxes favoritos e compartiron as súas impresións sobre a historia. Como resultado deste traballo, prepararon un vídeo de recomendación para animar a outros lectores e lectoras a descubrir esta obra.
Para poñer o broche final á actividade, Os Devoralibros participaron nun divertido Pasapalabra, no que demostraron todo o que aprenderon durante a lectura. A través de preguntas relacionadas coa historia, os personaxes e o vocabulario do libro, pasaron un rato moi entretido mentres repasaban os contidos da obra. Se ledes o libro e queredes xogar, premede en PASAPALABRA.
Agardamos que esta recomendación vos anime a mergullarvos nas aventuras de Óscar e o león de correos.lunes, 18 de mayo de 2026
Rematamos "Sopa de Europa"
O venres pasado o Grupo 2 do club de lectura, tivemos unha nova xuntanza, neste caso para falar do último libro que estivemos a ler "Sopa de Europa" de Rafael Ordóñez.
Houbo moita disparidade de opinións, dende quen non lle gustou nada ata a quen lle gustou e resolveu os xogos de pistas que se propoñen na lectura.
Gustase ou non gustase, no que coinciden as rapazas é en que aprenderon algo de xeografía, de arte e de gastronomía de moitos países de Europa. Ao rematar de comentar o libro xogamos ao pasapalabra do mesmo.
Roteiros literarios
O pasado xoves 7 de maio o Club de Lectura de Adultos tivemos unha nova xuntanza para falar das lecturas lidas e para organizar un roteiro literario por Rebordechao, lugar onde se desenvolve a trama da novela de Pedro Feijoo "Onde nacen as bestas".
Tamén falamas da novela de Óscar Reboiras "A agonía das folerpas" e organizamos outro roteiro literario, neste caso polo Xurés, que é onde se desenvolve a novela.
sábado, 16 de mayo de 2026
Sementando nas Letras
Na Foliada das Letras Galegas, o noso centro encheuse de recendo a terra mollada, a vida e a futuro. Dentro do noso Proxecto Documental Integrado (PDI) "Coidamos o monte, sementamos futuro",puxemos en marcha un obradoiro moi especial: transformamos o alumnado en auténticos horteláns e hortelás.
Cada un de vós levou unha pequena tomateira para o seu balcón ou ventá. Para que medre forte e dea os mellores tomates do barrio, lembrade estes catro consellos básicos:
lunes, 4 de mayo de 2026
Rematamos lectura co Grupo 1
Na última xuntanza co Grupo 1 estivemos a falar do libro que a rapazada estaba a ler "Ruedas y el enigma del Campañento Moco Tendido" de Guillermo Fesser. A opinión é xeneralizada no grupo, consideran que é unha lectura que se fai bastante pesada, que o autor abusa das descripcións e que para explicar algo vaise polas ramas... non é un libro que gustase moito, todo o contrario, polo que o Grupo 1 non o recomendan aos compañeir@s.
Logo de un gran debate a rapazada decidiu escoller como seguinte lectura "El club de los raros" de Jordi Sierra i Fabra, agardemos que este libro teña máis éxito que o seu predecesor.
martes, 28 de abril de 2026
Xogando coa densidade
No noso último obradoiro do Club de Ciencias convertémonos en investigadores das mesturas para descubrir un concepto moi interesante: a densidade.
A través de diferentes líquidos e materiais, observamos como algunhas substancias flotan e outras afunden dependendo do seu peso e da súa densidade. Pouco a pouco fomos creando mesturas sorprendentes cheas de cores e capas diferentes.
Os nenos e nenas experimentaron, fixeron hipóteses e aprenderon que a ciencia está chea de pequenas curiosidades que podemos descubrir coas nosas propias mans.
lunes, 20 de abril de 2026
Rematamos "Plan de rescate"
O pasado venres tivemos unha xuntanza o Grupo 2, nesta ocasión rematamos de ler "Plan de rescate" de Antía Yáñez.
Non se pode decir que este sexa o libro que máis gustou no Club de Lectura. A pesar de que é divertido, ten intriga e pon en valor o traballo en grupo e a amizade, non enganchou a moitas das lectoras do Grupo 2 xa que consideran que a trama é irreal e moi pouco creíble. Para gustos, cores, xa que outras lectoras opina que disfrutaron coa súa lectura.
Como ven sendo habitual, ao rematar un libro a rapazada xoga ao Pasapalabra do libro e pasamos uns momentos divertidos.
Logo de xogar ao Pasapalabra do libro, as rapazas escolleron a próxima lectura que será "Sopa de Europa" de Rafael Ordóñez.
Grupo 1 con "Ruedas y el enigma del Campamaneto del moco Tendido"
O venres 10 de abril tivemos unha nova xuntanza co Grupo 1 do Club de Lectura, nesta ocasión para falar sobre o libro que estamos a ler "Ruedas y el enigma del campamento Moco Tendido" de Guillermo Fesser.
A verdade é que ata o de agora este libro aínda non enganchou a ningún lector, consideran que o autor fai descripcións moi extensas que consiguen perder o fio da historia.
Para a próxima xuntanza intentaremos traer o libro rematado e así poder comentar se nos gustou, se o recomendamos ou, se polo contrario, é un libro que non gustou e non o recomendamos.
Grupo 2 con "Plan de rescate"
O venres 27 de marzo o Grupo 2 reuniuse para falar do libro que está a ler, "Plan de rescate de Antía Yáñez. Aínda quedan moitas aventuras por descubrir e personaxes que coñecer e, sobre todo, saber como remata a historia duns nenos que se atopan encerrados nun colexio secuestrado por dúas persoas. Conseguirán rescatar a todos os compañeiros e compañeiros do colexio? Coñecen aos secuestradores? Cal é o motivo do secuestro?...
De momento hai opinións diversas, dende a quen lles está gustando moito ata a quen lles parece unha historia moi pouco creíble.
Seguiremos lendo ata rematar e poder opinar sobre o desenlace da historia.
Rematando lectura co Grupo 1
O venres 20 de marzo o Grupo 1 reuniuse no comedor para falar da lectura que estabamos a ler, "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas. Como na novela hai varias receitas de sobremesas intentamos facer algunha delas e logo degustalas.
O libro gustou moito como tamén as sobremesas elaboradas polo alumnado do Club de Lectura.
Rematando lectura co Grupo 2
O venres 13 de marzo houbo unha nova xuntanza do Club de Lectura co Grupo 2. Nesta ocasión tocaba falar do libro "Nata y Chocolate" de Alicia Borrás Sanjurjo. É un libro que gustou moitísimo a toda a rapazada, e o recomendan aos seus compañeiros e compañeiras.


















.png)





.jpg)








