domingo, 23 de febrero de 2025

Día da Muller e a Nena na Ciencia

No mes de febreiro seguimos con CIENCIA na biblioteca! Neste caso lembrando  mulleres inventoras que cos seus inventos nos fixeron a vida máis fácil.


Ademais, seguimos con experimentos de CIENCIA EN MOVEMENTO para o alumnado de 6ºde EI, 2º e 3º de Primaria.
O alumnado de 6º de EI descubriu como funcionan os submarinos.

Os submarinos ascenden e descenden na auga gracias a un sistema de tanques denominados "lastres". Cando precisan aumentar a súa densidade para afondar, estos depósitos énchense de auga. Se, polo contrario, precisan emerxer, expulsan o liquido e inxectan aire a presión, conseguindo así que floten.

Nós fixemos un "submarino" moi particular reutilizando unha botella de auga e un tubiño de cristal. 
Queredes ver como funcionou?


O alumnado de 2º e 3º descubriron as cores primarias con tinta negra e auga, como funciona o envasado ao baleiro e que pasa cando poñemos un papel enriba dun vaso con auga e lle damos a volta ao vaso cheo. Por que a auga non cae?: un experimento de forzas.



viernes, 21 de febrero de 2025

Mandadiños do Meco

                     Boas entroideiros e entroideiras,

os MANDADIÑOS DO MECO deberás argallar.

Non son acumulativos, iso debes lembrar,

así que con ledicia imos troulear!


         Escoita os mandadiños na voz do alumnado de 6ºB.                                      




1,2,3... ENTROIDO!

 Co Petardazo en Xinzo de Limia comezamos a troula,,, chega o ENTROIDO, unha das nosas festas galegas favoritas

Queredes saber que é o entroido? Premede no vídeo para coñecer datos interesantes desta festa tan divertida.


ANDROLLA, CHARRÚA, FILLOAS, MECO, PANTALLA... Imos aprender estas e outras palabras relacionadas coa festa con este completo DICIONARIO ENTROIDEIRO.

Nesta festa non pode faltar unha boa CHARANGA para por a música nos desfiles, na festa, nas rúas... 
Queredes unha CHARANGA Á CARTA? Premede na imaxe e poderedes crear a vosa charanga con música entroideira.

Aí vos deixamos unha presentación para ser expertos no Entroido: actividades, xogos, cantigas, recomendacións lectoras...



lunes, 17 de febrero de 2025

Lectura coa "cociñeira defunta"

 Este venres tivemos unha nova xuntanza o Grupo 1 do Club de Lectura, as alumnas acordaran traer lido ata a metade da novela "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas.

Estivemos a falar da lectura, en xeral está gustando bastante aínda que hai quen confesa que nalgunhas partes pasa un chisco de "medo".

Para a próxima reunión con este grupo remataremos o libro e faremos e degustaremos algunhas das receitas que saen na novela.



domingo, 16 de febrero de 2025

Detective Ferruchi

 Esta semana houbo unha xuntanza do Club de Lectura para adultos, nesta ocasión tivemos unha visita moi especial para nós, visitounos Marta Villar, autora da novela que lemos no Club, "Detective Ferruchi" e coa que gañou o Premio Novela Xerais 2024.


Resultou unha xuntanza inesquecible, falamos da novela, por suposto, das personaxes, das diversas temáticas que se abordan ao longo da lectura, temáticas que se traballan no colexio. Falamos de como Marta trata temas durísimos dun xeito sinxelo, con tenrura e moita sensibilidade, ás veces ata cómico.

Tamén Marta nos explicou o proceso de creación da novela, o que quería transmitir con ela, o vocabulario empregado...

"Detective Ferruchi" é unha novela moi recomendable, divertida, emotiva, fácil de ler, con personaxes cos que nos podemos identificar... Dende o Club de Lectura recomendámola, de seguro que vos gustará.

Logo de comentar e falar de "Detective Ferruchi" xogamos ao Pasapalabra da novela, pasámolo moi ben!

A tarde deu para moito e moi bo, todas quedamos encantadas, emocionadas e agradecidísimas pola visita de Marta Villar que é un encanto de muller, moi próxima e natural.
Como mostra de agradecemento a Marta, quixemos agasallala cun pequeno detalle, agardando que se sentise tan ben como nos sentimos nós con ela.

MOITÍSIMAS GRAZAS MARTA!

SEMPRE SERÁS BENVIDA NO NOSO COLEXIO E NA NOSA BIBLIOTECA!

viernes, 14 de febrero de 2025

Día de Rosalía

 A nosa escritora galega favorita chega de novo a encher as nosas aulas de sentimento e paixón pola poesía, pola lingua e pola vida!

ROSALÍA DE CASTRO

Nesta presentación podedes descubrir todo sobre a vida e a obra de Rosalía a través de diferentes recursos: vídeos, visita virtual á súa casa, xogos, actividades interactivas, cancións, poemas e algúns dos nosos traballiños na súa homenaxe.

Na biblioteca tamén vos deixamos algunhas recomendacións lectoras sobre a figura desta ilustre autora.






jueves, 13 de febrero de 2025

As mulleres somos de ciencia!

 O Día Internacional da muller e a nena na ciencia foi proclamado no ano 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas. 

E por que credes que non coñecemos tantas mulleres nos diferentes ámbitos da ciencia?

Falta de recoñecemento social, obstáculos sociais, estructurais e culturais, os estereotipos de roles... 

Aquí vos deixamos propostas para investigar e pescudar sobre 

MULLERES NA CIENCIA. 

Consideramos primordial motivar ao noso alumnado a coñecer que a ciencia non ten xénero, que as mulleres teñen moito talento que merece ser recoñecido e que... As nenas tamén son de ciencias!

Por iso realizamos obradoiros e charlas para divulgar a contribución das mulleres a mellorar o noso mundo coas súas investigacións, inventos e estudos.

Esta semana visitounos a enxeñeira aeroespacial, UXÍA GARCÍA.

                                     

Contounos todos os estudos que tivo que realizar para chegar a ser enxeñeira. Agora mesmo, está a impartir docencia en Enxeñería Aeroespacial na Universidade de Vigo compaxinando coa investigación na súa especialidade que son os satélites. 

                                 

Explicounos que os sistemas e tecnoloxías espaciais desenvolven unha función determinante na nosa vida diaria. Desde as telecomunicacións, o pronóstico do tempo, a televisión, os nosos móbiles e moitos servizos clave (como o servizo de emerxencias) dependen do espazo para funcionar correctamente.

Ademais, a través das investigacións espaciais os científicos chegan a descubrimentos que se poden aplicar na noso día a día: purificador de aire, termómetro infravermello, implante coclear, próteses, monitor cardíaco, cámara do móbil, paneis solares, GPS, Raios-X, resonancia magnética, luces LED, materiais inífugos, detectores de fume...


E que mellor maneira de rematar o día cunha entrevista na radio realizada polo alumnado de 6ºB.



#aciencianontenxenero

#asmulleressondeciencias

#ciencianoruxidoiro

domingo, 9 de febrero de 2025

Obradoiro de cociña con Escarlatina

 O pasado venres tivemos unha nova xuntanza no Club de Lectura, neste caso co Grupo 2.

Nesta ocasión a xuntanza fixémola no comedor do colexio xa que tiñamos previsto facer un taller de cociña coas receitas que aparecen no libro.

Antes de facer o taller falamos un pouco da novela, a rapazada trouxo rematado o libro de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta", e comentou que lles resultou divertido, entretido e intrigante, tamén houbo que confesou que lle dera cun chiquiño de noxo e mesmo medo.

Logo de falar da lectura pasamos a elaboración dalgunhas receitas que saen no libro. As sobremesas que fixemos foron adaptadas ao tempo co que contábamos xa que o obxectivo era, ao rematar, facer unha degustación das receitas elaboradas.


O día da xuntaza coincidiu co aniversario de dúas alumnas que forman parte do Club de Lectura, co gallo da lectura do libro e da elaboración das sobremesas, aproveitamos para  celebrar o aniversario das nenas.

E como tivemos tempo para todo... tamén escollemos a próxima lectura...

Será: "Altas Aspiraciones" de Charlie Feelwood.


Rematamos "El misterio de los huevos de oro"

 O pasado venres 31 de xaneiro tivemos unha nova xuntanza co Grupo 1 do Club de Lectura. Nesta ocasión a rapazada escollera a lectura de Luisa Villar Liébana, "El misterio de los huevos de oro", un libro recomendado para público de idades comprendidas entre 6 e 8 anos polo que as rapazas do Club de Lectura (de 6º de EP) non lles gustou moito xa que o consideraron moi infantil e resultóulles curto e sinxelo. Aínda así si que o recomendan para os compañeiros de 3º e 4 º de EP.

Logo de comentar o libro "El misterio de los huevos de oro", as alumnas escolleron a próxima lectura... que seguindo as indicacións do outro grupo do Club de Lectura, decidironse pola novela de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta".





lunes, 3 de febrero de 2025

Cita a cegas con...

                             CITA A CEGAS CUN LIBRO!

A nosa biblioteca está chea de AMOR, moito amor polos libros. @s axudantes xa están  preparando os libros sorpresa para que a vosa cita a cegas co libro sexa un éxito!

Están a escoller os libros e deixándovos unha pequena reseña, sen desvelar a trama da historia para que a sorpresa sexa maior

Grazas aos axudantes da biblio polo seu esforzo e dedicación nos tempos de lecer.

  Que aventuras comezaredes? 
Estades listos e listas para vivir novas aventuras?

Na biblioteca espéranvos grandes sorpresas na semana do
10 ao 14 de febreiro.