A biblioteca escolar abre as súas portas a un novo curso cheo de ilusións, descubrimentos e historias por compartir. Este ano, todo o centro embarcarase nunha aventura moi especial: o proxecto documental integrado Raíces.
Quen somos? De onde vimos? Cara onde imos?
Estas tres preguntas guiarán as nosas investigacións para descubrir a historia das nosas familias, os xogos de antes, as lendas, as cantigas, os oficios tradicionais e a transformación da nosa paisaxe.
A través dos libros, das entrevistas e dos encontros cos avós, avoas e outras persoas da contorna, aprenderemos a valorar a nosa cultura e o patrimonio galego.
Tamén nos acompañará a maleta das raíces, que viaxará polas familias recollendo fotografías, obxectos e recordos cheos de historia. E, pouco a pouco, construiremos na biblioteca a nosa Árbore das Raíces, símbolo de todo o que aprenderemos e crearemos xuntos.
Queremos que este proxecto sexa unha aventura compartida por alumnado, profesorado, familias e comunidade. Porque cada persoa ten algo que contar e cada historia pode axudarnos a medrar.
Benvidas e benvidos a un novo curso na biblioteca escolar!
Raíces: coñecer o pasado para construír o futuro.

No hay comentarios:
Publicar un comentario