domingo, 25 de octubre de 2026

Comeza o Ruxi club

 O pasado venres houbo a primeira xuntanza coa rapazada que se anotou este curso para participar no Club de Lectura.

Este curso haberá dous grupos, o alumnado de 6ºA e o alumnado de 6º B. Na primeira reunión estiveron o dous grupos e na que a coordinadora do Club lles explicou a organización do mesmo e lles deu o calendario de reunións. 

Logo cada grupo escolleu democráticamente a primeira lectura do curso.

Así o Grupo 1, 6ºA, escolleu "Pippi Mediaslongas" de Astrid Lindgren e o Grupo 2, 6º B, escolleu "Unha veciña de película" de Iria Misa.








Ruta literaria polo Xurés

 O pasado domingo 13 de setembro, o Club de Lectura de Adultos realizamos unha Ruta Literaria polo Xurés, lugar onde transcorre a novela de Óscar Reboiras "A agonía das folerpas", ou "El caso Salgueiro" (en castelán).

Para facer esta andaina contamos coa cooperativa Xesta Brava, que coas explicacións de Cris e Jesús pasamos un día marabilloso e de aprendizaxe continua.

Fixemos unha andaina ata a aldea de Salgueiros, onde coñecimos cómo era a vida antigamente e vimos o que queda dela. Logo fixemos un coloquio sobre a novela, onde se leron pequenos fragmentos da mesma.

Fixemos unha parada para xantar na area recreativa de Prado e visitamos a Xanela do Xurés, un lugar moi acolledor no que os seus propietarios fixéronnos sentir coma na casa.

Logo retomamos o camiño e visitamos o Foxo do Lobo para rematar a xornada na aldea de Pitões das Júnias.

Pasamos un fantástico e marabilloso día!





viernes, 9 de octubre de 2026

Biblioteca ao aire libro

Con motivo do Día das Bibliotecas e do Día das Mulleres Escritoras, a nosa biblioteca escolar sae ao encontro das familias para compartir unha experiencia moi especial: unha lectura ao aire libre, na que as palabras, as historias e os afectos se converten en protagonistas.
As familias len aos nenos e nenas de infantil e 2º, os nenos e nenas de 3º a 6º tamén se converten en lectores e lectoras para compartir cos maiores o pracer da lectura. Un encontro interxeracional no que os contos, as lembranzas e as voces de cada xeración nos axudan a recuperar a nosa tradición oral galega: historias transmitidas de boca en boca, lendas, cantigas, refráns e contos que forman parte das nosas raíces culturais.



Esta actividade enlaza co noso PDI Raíces, porque cada historia compartida é unha maneira de manter viva a memoria, coñecer a nosa identidade e transmitir ás novas xeracións o legado cultural que nos une.

Ao mesmo tempo, celebramos as mulleres escritoras, recoñecendo o valor das súas voces e a súa contribución á literatura e á construción dunha sociedade máis igualitaria.

Porque as raíces tamén medran a través das palabras, os libros convértense en pontes entre o pasado e o futuro, entre as familias e a escola, entre quen conta unha historia e quen a recibe.

Seguimos compartindo e sementando historias para que nunca deixen de medrar!

Palabras que nos unen, lecturas que botan raíces.


 

viernes, 2 de octubre de 2026

Que bigotes me pasa?

 Que bigotes me pasa?

Emocións que brillan con luz propia!



Que sentimos hoxe? Alegría, tristeza, medo, calma, enfado…? Ás veces resulta difícil poñerlle palabras ao que nos pasa por dentro, pero a arte e os contos poden axudarnos a expresalo.

A partir do libro Que bigotes me pasa?, os DEVORALIBROS de 1º realizaron unha actividade moi especial na que as emocións e a luz ultravioleta foron as protagonistas. 

Despois de achegarse á historia, cada neno e nena debuxou o protagonista do conto representando a emoción coa que se identificaba nese momento. Coa axuda da luz ultravioleta, as creacións adquiriron un brillo sorprendente, convertendo os nosos sentimentos nunha experiencia chea de cor, curiosidade e creatividade.

Unha proposta para recoñecer, expresar e compartir as emocións, ao tempo que descubriron novas posibilidades da luz e experimentaron coa ciencia a través da arte.

Porque todas as emocións teñen o seu lugar e cada persoa ten unha maneira única de expresalas.