Con motivo do Día das Bibliotecas e do Día das Mulleres Escritoras, a nosa biblioteca escolar sae ao encontro das familias para compartir unha experiencia moi especial: unha lectura ao aire libre, na que as palabras, as historias e os afectos se converten en protagonistas.
As familias len aos nenos e nenas de infantil e 2º, os nenos e nenas de 3º a 6º tamén se converten en lectores e lectoras para compartir cos maiores o pracer da lectura. Un encontro interxeracional no que os contos, as lembranzas e as voces de cada xeración nos axudan a recuperar a nosa tradición oral galega: historias transmitidas de boca en boca, lendas, cantigas, refráns e contos que forman parte das nosas raíces culturais.
Esta actividade enlaza co noso PDI Raíces, porque cada historia compartida é unha maneira de manter viva a memoria, coñecer a nosa identidade e transmitir ás novas xeracións o legado cultural que nos une.
Ao mesmo tempo, celebramos as mulleres escritoras, recoñecendo o valor das súas voces e a súa contribución á literatura e á construción dunha sociedade máis igualitaria.
Porque as raíces tamén medran a través das palabras, os libros convértense en pontes entre o pasado e o futuro, entre as familias e a escola, entre quen conta unha historia e quen a recibe.
Seguimos compartindo e sementando historias para que nunca deixen de medrar!
Palabras que nos unen, lecturas que botan raíces.

No hay comentarios:
Publicar un comentario