viernes, 2 de octubre de 2026

Que bigotes me pasa?

 Que bigotes me pasa?

Emocións que brillan con luz propia!



Que sentimos hoxe? Alegría, tristeza, medo, calma, enfado…? Ás veces resulta difícil poñerlle palabras ao que nos pasa por dentro, pero a arte e os contos poden axudarnos a expresalo.

A partir do libro Que bigotes me pasa?, os DEVORALIBROS de 1º realizaron unha actividade moi especial na que as emocións e a luz ultravioleta foron as protagonistas. 

Despois de achegarse á historia, cada neno e nena debuxou o protagonista do conto representando a emoción coa que se identificaba nese momento. Coa axuda da luz ultravioleta, as creacións adquiriron un brillo sorprendente, convertendo os nosos sentimentos nunha experiencia chea de cor, curiosidade e creatividade.

Unha proposta para recoñecer, expresar e compartir as emocións, ao tempo que descubriron novas posibilidades da luz e experimentaron coa ciencia a través da arte.

Porque todas as emocións teñen o seu lugar e cada persoa ten unha maneira única de expresalas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario